jueves. 28.03.2024

A Xunta está comprometida coa xestión sostible e eficiente das distintas tipoloxías de residuos, entre os que se atopan os téxtiles, polo que habilitou axudas cun orzamento 3,5 millóns de euros que aínda se poden solicitar ata o vindeiro 31 de xaneiro.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá unha tenda solidaria de Cáritas en Vigo para coñecer o seu modelo de economía circular, onde reiterou a oportunidade e valor que gañan estes refugallos ao recollelos de xeito separado e volver introducilos na cadea produtiva como unha nova materia prima.

Ángeles Vázquez explicou que, por unha banda, existe unha orde dotada con preto de 3 millóns de euros dirixida a pemes, autónomos, asociacións e fundacións para impulsar dous tipos de proxectos: a construción de novas instalacións de preparación para a reutilización ou para a ampliación das existentes, con axudas para cubrir o 60 % do orzamento, ata un máximo de 80.000 euros; e a construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cuxa subvención non poderá exceder o 45 % do custo do proxecto.

Así mesmo, hai outra liña para concellos, con 540.000 euros de orzamento, para que as entidades locais implanten ou melloren a recollida separada destes materiais, dentro das iniciativas vinculadas aos residuos domésticos especiais. Con estes fondos poden adquirir contedores para a vía pública e para os puntos limpos; sacas reutilizables para a recollida; e realizar actuacións de difusión e sensibilización.

A conselleira destacou que “Galicia precisa máis iniciativas como a que promove Cáritas”, que xestiona unha rede de 190 contedores de roupa na Comunidade —case medio cento emprazados na cidade de Vigo— nos que recollen unha media anual de preto dunha tonelada destes residuos. Así, a través do proceso de recollida, clasificación e venda de segunda man en tendas como a visitada esta mañá, conseguen darlle unha segunda vida.

Neste sentido, salientou que o téxtil é un sector que xera un volume importante de materia, aínda que estes teñen un gran potencial para ser incorporados de novo ao ciclo produtivo, polo que defendeu que iniciativas como as que apoian os incentivos da Xunta evitan que toneladas de roupa acaben no lixo.

MÁIS PRETO

Ademais, a conselleira afirmou que “Galicia está máis preto de cumprir cos obxectivos que pautan as directivas europeas”, que fixan finais de 2024 como data máxima para instaurar a recollida separada de residuos téxtiles.

Por último, lembrou que estas ordes de axudas están enmarcadas dentro da Estratexia de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, a través da que a Consellería estableceu diferentes liñas de incentivos que suman un total de 18,7 millóns de euros. En todos os casos, o prazo para presentar unha solicitude é ata o 31 de xaneiro.

Pola súa banda, o director do proxecto Moda-re de Cáritas España, Alberto Alberich, salientou que as axudas habilitadas polo Goberno galego “son un aliciente para impulsar este tipo de iniciativas, que requiren de maquinarias cun custo elevado, e ademais serven para crear postos de traballo”.

Reciclaxe téxtil