viernes. 19.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, a posta en marcha de diversas axudas á rehabilitación, por un importe de máis de 12 millóns de euros.

Nesta liña, avanzou que se trata de seis programas de rehabilitación cos que “proseguimos co obxectivo de poñer en condicións mellores os nosos cascos históricos e, en xeral, todas as vivendas que queiran acollerse a estes programas”, destacou. Neste sentido, tamén explicou que os 12 millóns de euros están comprometidos no Plan de Vivenda do Goberno central e que, polo momento, Galicia non recibiu os devanditos fondos.

“O que facemos agora é adiantar 5 millóns de euros deses 12, e convocar os seis programas para, cando recibamos o diñeiro, ter xa presentadas as solicitudes. Así, poderemos adxudicar de forma rápida e non teremos que esperar os cartos do Goberno central para licitar e convocar”, sinalou.

Deste xeito, lanzaranse as axudas do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade de vivendas, co obxectivo de apoiar actuacións relacionadas coas melloras na cimentación, na estrutura, nas cubertas, nas fachadas ou nas medianeiras; así como melloras na accesibilidade, como instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou calquera elemento que facilite a accesibilidade. Os interesados poderán solicitar as axudas ata o 30 de novembro.

Así mesmo, activarase o programa de fomento e rexeneración urbana nas tres áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais: na ARI do Camiño de Santiago, integrada por 126 concellos, na que se prevé poder desenvolver 125 actuacións; na ARI da Ribeira Sacra, composta por 25 municipios, con previsión de realizar 88 actuacións; e na ARI das Illas Atlánticas, formada por 4 entidades locais, na que se desenvolverán 4 actuacións.

Feijóo tamén destacou que, co obxectivo de converter os concellos en protagonistas nas tarefas de rehabilitación, poranse en marcha programas concretos no eido municipal. Por unha banda, o programa de rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal -o antigo programa de vivendas de mestres-, con ata 1,7 millóns de euros. E, por outra parte, habilitaranse 4 millóns de euros para o Fondo de Cooperación, destinados á rehabilitación de activos construídos naqueles municipios de menos de 50.000 habitantes.

Ademais, tamén se incluirá o programa de infravivenda cun orzamento de case 275.000 euros para que nos concellos de menos de 10.000 habitantes se poidan acometer obras de rehabilitación e conseguir vivendas cunhas condicións mínimas de habitabilidade.

12 millones de euros de axudas á rehabilitación