Concerto de Óscar Ibáñez & Tribo este domingo 11 de outubro ás 19.30 horas no parque ponteareán da Feira Vella. A entrada é totalmente de balde e as persoas interesadas deberán reservar entrada en i.gal/oscaribanez
Organizado en colaboración coa Xunta de Galicia a través da rede Cultura no Camiño da AGADIC, Óscar Ibáñez & Tribo pesentará en Ponteareas o espectáculo Da Terra que percorre os temas máis destacados dos seus traballos ALÉN DO MAR (VIR, 2012) e AIRES DE PONTEVEDRA (Inquedanzas Sonoras, 2017) ao tempo que revisa outras melodías tradicionais enriquecéndoas con arranxos frescos e cos timbres da súa banda de directo OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO, co fin de contribuír á actualización e universalización da nosa música patrimonial, respectando ao tempo a súa esencia. En definitiva, unha espectacular e enérxica viaxe sonora a través música tradicional galega chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade nunha mestizaxe musical innovadora na que predomina a sonoridade celta.
OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO está formada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria que formaron parte das bandas dos artistas máis destacados da música folk galega como Fernando Fraga (Carlos Núñez), acordeón; Harry.c (Milladoiro), violín; Carlos Calviño (Roi Casal), guitarra; Paco Dicenta (Mercedes Peón); baixo e Andrés Vilán (Pepe Vaamonde Grupo), batería e percusión. Neste espectáculo súmanse 6 músicos convidados: Pepe Romero e Jorge Maño (Banda de Gaitas Suevia), gaitas; Daniel García, Álvaro Rúa e Rocío Fernández (Banda de Gaitas Nova Era), gaitas; Carla Villanueva, xilófono.
OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO realizou máis de 200 concertos por toda a Península Ibérica, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como: Festival Intercéltico de Lorient (Lorient, Bretaña), Festival Capodanno Céltico (Milán, Italia), Festival Internacional da Máscara Ibérica (Lisboa, Portugal), Festival Inter-Atlântico de Gaita de Foles (Ponte de Lima, Portugal), Festival do Mundo Celta de Ortigueira (Ortigueira, Galicia), Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, Galicia), Festival de la Luz (Boimorto, Galicia), Festival Folk de Guísamo (Bergondo, Galicia), Festival Folk As Pontes (As Pontes de García Rodríguez, Galicia), Festival Internacional Celta Reino de León (León, Castilla y León), Festival Folk Canarias (Telde, Gran Canaria), Festival Sauga Folk (Colindres, Cantabria), Folk Plasencia (Plasencia, Extremadura) ou o Festival Intercéltico d'Occidente (Tapia de Casariego, Asturias), entre outros.
OSCAR IBÁÑEZ é Mestre en Educación Musical (UVIGO), Especialista Universitario en Música Tradicional Galega (USC), Especialista Universitario en Arquivística (UNED), Máster en Xestión da Documentación Musical (UAM), Título Profesional de Música na especialidade de gaita (Conservatorio das Artes Mayeusis) e cursou estudos oficiais de frauta de bico (Conservatorio Profesional de Música da Estrada). Os seus comezos tiveron lugar en distintos grupos de música tradicional cos que percorreu toda Europa, a docencia nos centros galegos de máis de 10 países de Europa e América, a través da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, e na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, nos que acadou máis de 40 premios. Entre 2004 e 2020 traballou no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e dende 2006 impulsou e dirixiu diferentes espectáculos en Galicia e Cantabria como Musgafol: Gaita-piano, gaita-banda e gaita-orquestra (Pontevedra, 2008-2011) e Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva. Gaitas de fol do noroeste (Poio, 2006-2010), Juelles. Encuentro de Gaitas Europeas (Santander, 2010) ou Juegos Náuticos Atlánticos. Cantabria 2010. Participou en máis de 20 traballos discográficos, entre os que cabe destacar os seus discos Alén do mar (VIR, 2012), no que fusiona a música de Galicia e América Latina a través da emigración galega ao continente americano do entre séculos XIX-XX, e Aires de Pontevedra (Inquedanzas Sonoras, 2017), co que homenaxou ao célebre Gaiteiro de Viascón Ricardo Portela (1920-1992), co gallo do 25 aniversario do seu pasamento. Como investigador publicou os libros-CD Os Montes de Lugo. Ensaios e concursos (Ouvirmos, 2007), O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical (Dos Acordes, 2009), Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó. Gravacións Históricas de Xosé Filgueira Valverde (aCentral Folque, 2015) e colaborou co musicólogo Luís Costa no libro Augusto Bárcena Saracho. El legado musical del Maestro (Deputación de Pontevedra, 2010).