viernes. 19.04.2024

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata o parque Luís Seoane de Santa Cruz (Oleiros), onde se está a celebrar a XXVII Mostra Alfaroleiros. Un encontro que, tal e como apuntou Fabeiro, destaca pola súa relevancia como escaparate de comercialización e de divulgación da olería e como espazo de confluencia para os profesionais de toda Galicia, así coma do resto de España e tamén de Portugal.

Alfaroleiros, que se celebra ata este domingo 8 de agosto, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, mediante axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e o impulso da competitividade do sector artesanal.

Nesta 27 edición son 23 os expositores que participan, procedentes de lugares como Toledo, Castellón, Jaén, Granada, Córdoba, Segovia, La Rioja, Cáceres, Badajoz, Zamora e Coímbra (Portugal). Así mesmo, os obradoiros de Artesanía de Galicia que están presentes son Alfarería Aparicio e Alfarería Lista, de Buño (Malpica de Bergantiños); Figulus, de Gundivós (Sober), Alfarería Agustín, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Añón (Salvaterra de Miño) e Cerámica Unzueta (Brión).

No programa de actividades inclúense demostracións e obradoiros abertos de olería a cargo dos artesáns Susana González, do obradoiro Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar), visitas guiadas ao museo municipal Os Oleiros, actuacións musicais e diferentes espectáculos.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia sinalou tamén que a colaboración do Goberno galego coa organización de actividades como Alfaroleiros contribúen a impulsar a conservación dos oficios tradicionais, ao tempo que poñen en valor e fomentan a divulgación do produto feito á man e da marca Artesanía de Galicia.

A mostra de Alfaroleiros divulga o oficio tradicional da olería