viernes. 19.04.2024

Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, desde as 18.00 horas da tarde, cando se celebrará o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que polo momento participarán 16 comparsas, 8 do Porriño e 8 de Mos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe a que é a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos, tras o pasado desfile de Rondallas.

“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou” a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, presentaron el Entroido. ©ROBERTO LEDO.

No mesmo sentido manifestouse a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”. Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos concellos, como o Nadal ou o Entroido, que “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora en ambos concellos, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo a nova de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.

Ambos rexedores agradeceron o labor indispensable que realizan a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.

Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado. No caso do Concello de Mos manterase o desfile do domingo de Entroido que se vén celebrando tradicionalmente na localidade mosense pola Avenida de Sanguiñeda. Será a partir das 18.00 horas do domingo 27 de febreiro.

O PORRIÑO

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, presentaron hoxe o programa de actos deseñado polo Concello, no que os nenos e nenas xogarán un papel protagonista.

A inauguración da exposición cos preto de 200 debuxos dos nenos e nenas que participaron no concurso escolar de carteis do Entroido foi o escenario elexido para anunciar a programación. Nun acto ao que acudiron os gañadores do concurso e as súas familias, así como representantes de todos os centros escolares, entregáronse os agasallos aos premiados e presentouse oficialmente o cartel das festas.

Valeria Lage, Rubén Rodríguez e Saray Rodríguez (primeiro, segundo e tercer posto respectivamente) serán os encargados de dar o pistoletazo de saída o sábado 26 coa lectura do pregón. As dúas nenas que conseguiron o accesit os acompañarán no balcón da casa consistorial en tan sinalado momento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, confesou a súa emoción “ao ver as caras de ilusión dos pequenos e pequenas” algo polo que asegurou “merece a pena ser alcalde”. Tal e como indicou o rexedor para él “unha das metas marcadas é facer do Porriño un referente cultural e unha cidade dos e para os nenos e nenas, na que teñan moito que decir xa que serán eles quen a vivan e dirixan nuns anos”.

A mostra cos deseños dos escolares pode visitarse no Centro Cultural Municipal.

PEQUENOS E MAIORES

A programación arranca o sábado 26, ás 12 h, coa lectura do pregón desde o balcón da Casa Consistorial. The Turre´s Band, Batucada Percusión Latexo, Charanga Anchoa, Charanga Fanfarria Furruxa e a Charanga Vai de Baile animarán as rúas do Porriño acompañados polos xigantes e cabezudos.

Pola mañá, celebrarase un showcooking en colaboración con AHOSPOR na praza de abastos.

Xa pola tarde, 16h, disputarase o 78º Xogo da Ola, amenizado pola Fanfarria Furruxa, e ás 18h o I Desfile Conxunto de Comparsas de Entroido.

O domingo 27 de febreiro, ás 17h festa infantil na praza do concello e inchables na Praza do Cristo, Avda. de Galicia e O Pinar.

O luns 28 terá lugar un obradoiro para nenas e nenos impartido pola Asociación O Porriño Arte, de 10 a 13h; e o martes 1 desfile de comparsa de Entroido.

O broche de ouro, como non podía doutra maneira, será o mércores 2 cando terá lugar o Enterro da Sardiña co seu tradicional veloiro e lectura de testamento.

O Porriño e Mos unen forzas no sábado de Entroido